E a min encántame a vida…

O último

Meu avó, o gaiteiro

Rancho de reisHoxe miña tía Pili veu visitarme (ademáis de a botarme unha man coa casa, que boa falta me fai a estas alturas…) e, xunto coa rosca de pascua como boa madriña que é, trouxo algo que tal vez me fixera un pouco máis de ilusión.

Sempre estiven orgullosa das miñas orixes, pero despois de ver esta foto, un chisquiño máis.

Cada vez que tiven ocasión en determinados círculos aproveitei para mencionar quen era o meu avó materno: Manuel Iglesias, carpinteiro de prfesión, pero para todo o mundo o gaiteiro de Meirol, o da Tomasa, dos Ranchos de Reis de Vilasobroso… que tocaba alí onde llo pedían e que sempre estaba disposto para a festa.

Eu xa non o vin tocar. Cando nacín a enfermidade xa fixera mella no seu corpo, e xa perdera algunha que outra gaita por prestarlla a quen non devolve o que leva. Cando faleceu eu tiña seis anos.

Son poucos os recordos que conservo del, pero son os mellores que se poden gardar dun avó. A xente que o coñecía só ten boas palabras para un home que era querido por todos e que, como gaiteiro que era, tamén tiña a fama que lle corresponde a un músico da época… xa escoitei de todo! É o que ten andar de aldea en aldea coa gaita ó lombo…

A que conservamos na casa, coma ouro en pano despois de restaurada xunto co seu clarinete (o Manuel pegáballe a todo…), volveu soar nos dedos de miña irmá logo de moitos anos. Non é a da foto, esa non voltou. A que si gardamos, de buxo en “si bemol”, está para que siga pasando de xeración en xeración a espera dun novo “Iglesias” que dea as súas primeiras notas con ela, como ocorreu con miña irmá.

A min deume pola percusión, pero esperarei paciente a ver quen é o seguinte que a faga sonar para acompañalo de lindo gusto.

Cada vez queda menos…

…para que os cambios que se aveciñaban se materialicen por completo.

la foto

Algúns son máis trascendentais ca outros, pero todos iguais de interesantes…

Aínda que o que máis nerviosa e emocionada me ten é a próxima chegada de Candela. Non podo aguantar as ganas de verlle a cariña, de bicala e abrazala. E non son a única impaciente que anda por aquí.

Sei que a vida desta “familia” nunca voltará ser coma antes, pero tamén sei que vela crecer compensará calquera cousa á que teña que renunciar. O mellor está por vir!!!

 

NUK “Volver a empezar”

Estes días tócame facer recopilación de fotos e vídeos da miña faceta “artística”. O caso é que un amigo tivo o detalle de colgar en youtube o corte coa miña actuación na estrea da curta de Rubén Riós “Coser e Cantar”, no Auditorio de Ourense, hai xa 4 anos. Rubén escollera a canción como tema principal do making off.

Agora que o meu “compañeiro de batallas” está lonxe, non podo evitar recordar estes momentos con algo de morriña. Dubido que volva atopar outra persoa que me entendera tan ben. Foi moi gratificante traballar contigo, Keñi. Todo parecía tan sinxelo cando te poñías ó piano…

Teño a esperanza de que poidas volver para repetilo.

Artista: NUK

Tema: Volver a empezar

Letra: Nuria Gesteira / Música: Nuria Gesteira e Alejandro Rodríguez “Keñi”

Pechando portas… e abrindo ventanais!!! (2ª parte)

puertaOutras emprenderon a camiño antes ca min, pero como todo ten un comezo e un final, tamén eu pechei un ciclo.
Foi unha decisión moi dura. Os motivos? Moitos… demasiados para porme agora a enumeralos, pero o suficientemente importantes como para dar o paso.
Hai 15 anos comecei xunto a 7 compañeiras máis un proxecto que nos trouxo moitas alegrías. Para min é media vida; ese foi o tempo que compartín coas compañeiras das “Pandereteiras Os Muíños de Oliveira”.
Non todo foron bos momentos: En todo este tempo sufrimos moitos cambios e vivimos moitas experiencias, pero foron o suficientemente importantes como para establecer estreitos lazos con algunhas delas.
Gracias, sobre todo a Andrea Pino Fernández e Lucia Pérez Groba, por todo este tempo de traballo e éxitos. Con vós comecei e con vós rematei. Pero non teñades pena, que aínda nos quedan moitas cousas por facer, mozas!!!
Gracias tamén a Flor Diez Fernandez, que aínda que o teu paso foi breve foches un grande apoio nos últimos tempos, e aínda segues a selo.
E non podo esquecerme de Javier Feijoo. Gracias, meste, por iniciarme, mostrarme o camiño e, por seguir ensinándome aínda hoxe. Foches o motor dese proxecto moito tempo e o que sentou as bases do que fomos. Sempre serás unha “Oliveira” máis… jajajaja…!!! Verdade, mozas???
Pero isto só é un punto e seguido. Non teñades pena, que non penso deixar de tocar e cantar. Mentres a vida mo permita seguirei dando toda a guerra que poida! Non vos ides librar de min tan facilmente.
VÉMONOS NOS ESCENARIOS, XENTE!!!

Pechando portas… e abrindo ventanais!!!

Uf! Que de voltas dá a vida…

Hai uns meses non podía nin imaxinar a que estaba por vir!.  E agora… agora parece que todo cobra un sentido completamente diferente.

Hai algún tempo  tomei algunhas decisións relevantes de cara ó meu futuro. Deixar o meu traballo das mañás para volver estudiar foi unha delas; pero esquecérame de que, ademáis das tomadas por min, moitas veces a vida tamén as toma sen pedir consentimento. E, ás veces, case é mellor así!

Botando a vista cara atrás, hai cousa de pouco máis dun ano nin podía imaxinarme que hoxe estaría neste punto: de novo en parella, estudiando e… ESPERANDO UN BEBÉ!!!… aínda se me abren os ollos coma pratos cada vez que o penso; mellor non facelo, porque se o fixera seguro que non me sucederían nin a metade das cousas que están a ocorrer agora mesmo… e son demasiado fermosas como para evitalas.

Todo son tópicos repetidos unha e mil veces por todo o mundo, pero é certo que nun momento así é cando comezas a valorar o realmente importante, e moitas das tonterías que antes me roubaban gran parte das enerxías pasan a ser precisamente iso: tonterías sen a máis mínima importancia. Cambia a túa visión do mundo e a túa percepción das situacións, e pasas de actuar por ti a actuar pola túa FAMILIA, porque agora entendes máis ca nunca o significado desa palabra que provoca que a antepoñas a todo o demáis.

Non hai nada nin ninguén que poida amargarme esta felicidade, porque incluso os problemas e os conflictos se fan máis pequenos fronte a esta lección de madurez que che dá a vida! Si, síntome por enriba de todas esas cousas, estou nunha nube da que non me dá a gana de baixar e tampouco vou permitir que ninguén queira baixarme dela. Aínda que sone duro, NÓS decidimos con quen queremos compartir esa felicidade, é o noso dereito.

Neste momento de incertidume na casa temos un motivo máis que suficiente para sorrir a diario, e faremos por que siga sendo así por moito tempo…

P. D.: Gracias, amor, por dárme este regalo, porque todo o que pasamos nestes case 8 anos está dando lugar a algo tan marabilloso coma isto. Non existirán nunca palabras coas que describir o que teño aquí dentro fai que sinta por ti.

Mariano, ven que che digo eu de onde recortar…

Ultimamente non paro de ver nas redes sociais como se lle enche a boca á xente dicindo que a culpa desta crise a teñen os bancos e os políticos. Estou dacordo en gran parte con esta afirmación pero, evidentemente e pola parte que me toca, non podo estalo de todo.
Pensando nisto véñenme a mente milleiros de ideas que reflicten a miña indignación ante tan xeneralista afirmación e vou ver se son quen de ordenalas.
Primeiro: a clase política non son soamente os que saen na televisión. Non tódolos aspectos da nosa vida son gobernados dende Madrid. En cada concello deste país hai un alcalde e concelleiros no goberno e na oposición que TRABALLAN PARA TODOS practicamente por amor a arte e malamente cobran as dietas por asistencias a plenos que se realizan unha vez ó mes no mellor dos casos.
Resúltame insultante que, precisamente por iso, alguén se atreva a falar de “fusión de concellos” para eliminar gasto público. Botemos contas e decatémonos de que, a pesar de todo, non son as administracións locais as que nos levaron a esta situación de RESCATE dito con tódalas letras e que, se esta medida se leva a cabo, estamos eliminando interlocutores directos das nosas administracións.
Pero, como todo, os concellos tamén necesitan control. Para mellorar a eficiencia dos gastos locais si son partidaria, por exemplo, de limitar o salario dos alcaldes segundo o número de habitantes de cada concello, controlar as dedicacións exclusivas dos concelleiros do goberno, non sempre ben utilizadas, realizar auditorías independentes anualmente para controlar os gastos desorbitados, que os hai, e que estes datos se fixeran públicos.Non nos esquezamos de que, a pesar de todo, segue a haber moito cazo. Se nas asociacións culturais, fundacións, etc. hai que dar contas ós membros de maneira obligatoria, por que non tamén nos concellos?
Segundo: se queremos recortar gasto, por que non eliminar as deputacións?
En moitos casos as cuestións que estas xestionan son levadas a cabo polas comunidades autónomas ou polos concellos.
Terceiro: temos concellos, deputacións, autonomías, e goberno central. Para que necesitamos o senado?
Cuarto: a que veñen esas pensións desorbitadas logo de deixar os cargos cando aínda son poboación activa e cobran cantidades inxentes por desempeñar cargos na empresa privada. Por que isto é compatible??? Aquí ninguén debería cobrar pensión ningunha ata os 67 anos!!!
Quinto: recortamos soldos de funcionarios, interinos, personal laboral…, e os dos políticos? Porque se volvemos botar contas, as nóminas dos primeiros tampouco nos levaron a esta situación. Eles non acumulan cargos nin cobran de varias administracións á vez?
Despois de todo isto, que non deixa de ser unha reflexión persoal, queda ven claro de onde hai que meter man, non?
Por hoxe chegoume, que canto máis o penso máis me enveleno.
Outro día métome cos bancos e o resto do persoal, prometido!

Despois da tempestade…

… sempre chega a calma. Ou iso parece, alomenos no meu caso.

Logo dunha tempada algo convulsa en moitos aspectos un remata por comprobar que, unha vez máis, os refráns dos avós son verdades absolutas.

Os novos proxectos avanzan, moi a modiño, pero avanzan; non tiña pensado deixarme vencer por esta maldita crise e hai que busca-las fabas como sexa. Os “problemas sen solución” deixan de selo cando lles dá-la importancia que se merecen, é dicir, ningunha ás veces.

E as novas non paran de chegar. Algunhas, na maioría dos casos, boas: alguén cun novo bebé, alguén que casa… etc. Outras non tanto, pero ata esas hai que recibilas e levalas o mellor posible.

Pero mentres este tipo de cousas non dependan de min mesma penso disfrutar o mellor que poida desta calma que me tocou o tempo que me dure, que espero que sexa moito. E se ten que interromperse… non me importa! sempre que sexa por algo bo, claro! ;-)

Conflicto (3ª parte)… unha vez máis…

Noites de insomnio… e con esta xa van dúas seguidas…

O estado de nervios e estrés vai aumentando por momentos pero, por que? teño motivos?

Aparentemente non. Por primeira vez en moito tempo (vaites! hai 3 meses que non publico nada neste blog!!!) as circunstancias vánseme estabilizando: o cambio de casa foi positivo, as miñas relacións persoais en case tódolos ámbitos están a mellorar moito, traballo non me falta e teño na casa quen me escoite e me apoie (ademáis d@s amig@s, claro!); as augas, en xeral, voltan ó seu cauce… pero entón? que diantres me pasa pola cabeza para que estes mioliños non paren de dar voltas e non me deixen durmir?

Mala alimentación! Nooooon… se xa recuperei todo o que perdera en meses anteriores! Co que me gusta comer… Cama incómoda? Que va! Se ata cambiei de colchón! agora dá unha preguiza levantarse…

Despois de barallar varias opcións só me queda unha… a miña constante ansia de perfeccionismo? Pode ser pero, que eu saiba, ter espectativas non é malo, ou si? Non! Diso nada! Ser ambicioso na medida xusta está ben, hai que ter metas. Entón? É que me frustra non poder alcanzalas? … tampouco…  penso que sei lidiar coa frustración… nesta vida todo se aprende, ás veces a vase de “piiiii…”.

Tal vez poida ser que se me presente algunha que outra oportunidade de cambio e non a vexa con total claridade… ou iso, ou que ás veces non son o suficientemente valente para aproveitala como é debido. Será que non me gusta decatarme de que non sempre son todo o botada para adiante que me gustaría… quen sabe? (buf! pois se non o sei eu…).

De tódolos xeitos, se é iso o que me provoca o insomnio terei que aprender a ter paciencia que xa estou na idade… (tal vez tanto psicoanalizarme non estea a surtir demasiado efecto… ou si? aiiii… que lío…!!!).

Polo pronto, espero que a cama me reciba ben esta noite…

Traspès no Luar

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 826 segidores

%d bloggers like this: