E a min encántame a vida…

Meu avó, o gaiteiro

Rancho de reisHoxe miña tía Pili veu visitarme (ademáis de a botarme unha man coa casa, que boa falta me fai a estas alturas…) e, xunto coa rosca de pascua como boa madriña que é, trouxo algo que tal vez me fixera un pouco máis de ilusión.

Sempre estiven orgullosa das miñas orixes, pero despois de ver esta foto, un chisquiño máis.

Cada vez que tiven ocasión en determinados círculos aproveitei para mencionar quen era o meu avó materno: Manuel Iglesias, carpinteiro de profesión, pero para todo o mundo o gaiteiro de Meirol, o da Tomasa, dos Ranchos de Reis de Vilasobroso… que tocaba alí onde llo pedían e que sempre estaba disposto para a festa.

Eu xa non o vin tocar. Cando nacín a enfermidade xa fixera mella no seu corpo, e xa perdera algunha que outra gaita por prestarlla a quen non devolve o que leva. Cando faleceu eu tiña seis anos.

Son poucos os recordos que conservo del, pero son os mellores que se poden gardar dun avó. A xente que o coñecía só ten boas palabras para un home que era querido por todos e que, como gaiteiro que era, tamén tiña a fama que lle corresponde a un músico da época… xa escoitei de todo! É o que ten andar de aldea en aldea coa gaita ó lombo…

A que conservamos na casa, coma ouro en pano despois de restaurada xunto co seu clarinete (o Manuel pegáballe a todo…), volveu soar nos dedos de miña irmá logo de moitos anos. Non é a da foto, esa non voltou. A que si gardamos, de buxo en “si bemol”, está para que siga pasando de xeración en xeración a espera dun novo “Iglesias” que dea as súas primeiras notas con ela, como ocorreu con miña irmá.

A min deume pola percusión, pero esperarei paciente a ver quen é o seguinte que a faga sonar para acompañalo de lindo gusto.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s