E a min encántame a vida…

Opinión…

Mariano, ven que che digo eu de onde recortar…

Ultimamente non paro de ver nas redes sociais como se lle enche a boca á xente dicindo que a culpa desta crise a teñen os bancos e os políticos. Estou dacordo en gran parte con esta afirmación pero, evidentemente e pola parte que me toca, non podo estalo de todo.
Pensando nisto véñenme a mente milleiros de ideas que reflicten a miña indignación ante tan xeneralista afirmación e vou ver se son quen de ordenalas.
Primeiro: a clase política non son soamente os que saen na televisión. Non tódolos aspectos da nosa vida son gobernados dende Madrid. En cada concello deste país hai un alcalde e concelleiros no goberno e na oposición que TRABALLAN PARA TODOS practicamente por amor a arte e malamente cobran as dietas por asistencias a plenos que se realizan unha vez ó mes no mellor dos casos.
Resúltame insultante que, precisamente por iso, alguén se atreva a falar de “fusión de concellos” para eliminar gasto público. Botemos contas e decatémonos de que, a pesar de todo, non son as administracións locais as que nos levaron a esta situación de RESCATE dito con tódalas letras e que, se esta medida se leva a cabo, estamos eliminando interlocutores directos das nosas administracións.
Pero, como todo, os concellos tamén necesitan control. Para mellorar a eficiencia dos gastos locais si son partidaria, por exemplo, de limitar o salario dos alcaldes segundo o número de habitantes de cada concello, controlar as dedicacións exclusivas dos concelleiros do goberno, non sempre ben utilizadas, realizar auditorías independentes anualmente para controlar os gastos desorbitados, que os hai, e que estes datos se fixeran públicos.Non nos esquezamos de que, a pesar de todo, segue a haber moito cazo. Se nas asociacións culturais, fundacións, etc. hai que dar contas ós membros de maneira obligatoria, por que non tamén nos concellos?
Segundo: se queremos recortar gasto, por que non eliminar as deputacións?
En moitos casos as cuestións que estas xestionan son levadas a cabo polas comunidades autónomas ou polos concellos.
Terceiro: temos concellos, deputacións, autonomías, e goberno central. Para que necesitamos o senado?
Cuarto: a que veñen esas pensións desorbitadas logo de deixar os cargos cando aínda son poboación activa e cobran cantidades inxentes por desempeñar cargos na empresa privada. Por que isto é compatible??? Aquí ninguén debería cobrar pensión ningunha ata os 67 anos!!!
Quinto: recortamos soldos de funcionarios, interinos, personal laboral…, e os dos políticos? Porque se volvemos botar contas, as nóminas dos primeiros tampouco nos levaron a esta situación. Eles non acumulan cargos nin cobran de varias administracións á vez?
Despois de todo isto, que non deixa de ser unha reflexión persoal, queda ven claro de onde hai que meter man, non?
Por hoxe chegoume, que canto máis o penso máis me enveleno.
Outro día métome cos bancos e o resto do persoal, prometido!


INDIGNANTE NON… O SEGUINTE!!!

Hoxe, na cumbre dos G8, preguntáronlle a Sarkozy polo movemento e as acampadas do 15M comparándoas coas revoltas e manifestacións dos países árabes. El replicou que non era o mesmo manifestarse nun país democrático coma España, que facelo en países coma Túnez ou Exipto, que non tiña a mesma… relevancia…

Pois logo de ver as imaxes da carga policial desta mañá na Praça de Catalunya e a marabillosa actuación so Mossos d’Esquadra non me queda máis remedio que quitarlle a razón, señor Sarkozy. Porque supostamente isto non debería ocorrer nun país democrático. É máis, os corpos de seguridade deben estar para protexer á xente pacífica, e non para maltratala.

O desta mañá demostra que temos liberdade de expresión según para que; e é que, vexas o vídeo que vexas, non podes máis que preguntarte unha  e outra vez en que clase de país vivimos.

VERGOÑA DEBERÍA DARNOS!!!


WINDOWS 7 EN GALEGO!!!

Hoxe publico dúas veces, pero é que non me queda máis remedio. Unha por compromiso persoal, posto que unha das persoas implicadas neste proxecto me pediu que o fixera. E outra porque, por cada argumento en contra da miña cultura, saen mil respostas a favor do noso xeito de vida.

Primeiro foi a cadea de supermercados GADIS, e non é por facer propaganda pero é que aínda non atopei na televisión nada comparado coa súa campaña publicitaria. Ben é certo que sendo galegos barreron para a casa e funcionou. Deus! había tempo que ninguén expresaba tan ben o que significaba para min nacer onde nacín.

Pero é que agora quen o fai é MICROSOFT!!! Unha multinacional americana fai un aceno á nosa língua poñéndonolo un pouquiño máis fácil ós que pensamos antes en galego que en castelán. Óllo ó dato, que tamén falo castelán, pero a min criáronme na fala das “mouras”, das meigas, dos gaiteiros e pandereteiras, e é o que primeiro me sae.

A ver se o noso “marabilloso” goberno vai aprendendo, e se apunta este tipo de tantos durante “toda a lexislatura”, non só cando se aproximan unhas eleccións…


Boa resposta…

Coma en outras ocasións internet segue sendo fonte de información, desinformación e polémicas. Pero algunhas veces nos deixa algunha que outra perla que merece ser compartida por todos.

E é que agora “Alfonso Alfonso” dálle unha volta máis ó asunto  da retranca e consegue mostrarlle ó resto do país que non hai humor coma o galego, a que non???

Non podía haber mellor resposta para a nosa “querida” Marta de GH ca esta. Grande Alfonso:


INDIGNANTE!!!

O mundo da información dáche unha de cal e outra de area.

Estes días, a través de facebook, descubrín unha perliña dunha das concursantes do “Gran Hermano” deste 2011.

Aquí a tedes:

Comentalo pode ser unha pérdida de tempo ou non. Pero dende logo si que é unha ofensa para todos aqueles que, coma min, utilizamos o noso idioma a diario.

Falo galego e castelán de maneira indistinta, quizáis máis galego polos ambientes nos que me movo, pero ó ver este vídeo non podo evitar sentirme aludida e decepcionada porque aínda exista xente que pense así. E máis aínda se incorre en máis de unha falacia, como cando fala dos libros de texto.

A esta señorita alguén debería dicirlle algo porque, aínda que fala cunha “colega”, non pode esquecerse que está nun programa que se emite a nivel nacional, e que as súas “opinións” van ser escoitadas por moita xente.

Só espero que súas palabras non teñan ningunha influencia na opinión que teñen dos galegos no resto do país.


Exipto esperta… o resto seguimos a durmir.

Levaba bastante tempo sen querer ver os informativos de ningunha canle de televisión, pero hoxe non me puiden resistir.

Certo é, que aínda que fora mentres facía zapping, estes días non puiden evitar enterarme dos últimos acontecementos en Exipto e non podo deixar de dicirme a min mesma que non entendo por que o resto do mundo non é capaz de resolver os seus conflictos da mesma maneira. Durante algo máis de dúas semanas o pobo exipcio deunos unha lección de civismo e de valentía enfrontándose ó seu dictador da única forma que debería ser válida: saíndo ás rúas e manifestándose.

E resulta que surte efecto! Mubarak renuncia ante o clamor dun pobo que xa non resistía máis o seu egocentrismo. E a ti (que te molestaches en ler estas liñas) non che dá que pensar? Porque a min si, e moito.

Durante toda a historia a humanidade cometéronse grandes atrocidades en nome de sabe deus que causas. Unha das máis utilizadas durante séculos foi a relixión, ou como as “masas” querían impoñer unhas ideas sobre outras. E despois do día de hoxe dámonos conta que o que máis importa non é o deus no que creas nin a ideoloxía que sigas, senón a solidaridade e a confianza no próximo.

Iso foi precisamente o que levou ós exipcios a conseguir, tras días de protestas, o seu obxectivo: que un dirixente fose consciente de que o poder non é da súa propiedade, que non pode ir en contra de quen llo outorga, que o poder é do pobo.

Triste é, pola contra, que a única canle de televisión que parou a súa transmisión para emitir a noticia en directo fose TVE. É que acaso que un pobo faga historia de maneira pacífica non é o suficientemente importante? Porque cando un avión impacta contra unha torre paralizan a todo o planeta se é necesario. Será que só vende a violencia?

Qué mágoa…


Ano novo… a mesma vida, ou non.

E é que non todo teñen que ser cambios… ou si?

Cando algo vai ben non hai por que cambialo. Pero cando vai mal… habería que darse máis presa en facelo. E ó fin e ó cabo os cambios non son máis que consecuencias das nosas decisións; ou das tomadas por outros.

Cantas veces nos afectan as decisións tomadas polos demáis? Demasiadas, para o meu gusto. Sobre todo cando temos a certeza de que non son as máis acertadas. E máis aínda cando se toman de maneira arbitraria sen ter en conta a opinión de xente que si ten criteirio para asesorar… unha inxustiza máis da vida… que se lle vai facer? ains…

Pois agora quen decide que cargue coas consecuencias… viva a decadencia traballada con aínco! Se é que non hai máis cego que o que non quere ver… só espero que o touro non me pille a min e pase de largo, que xa me chega coas consecuencias das decisións que si tomo eu.