E a min encántame a vida…

O último

Pechando portas… e abrindo ventanais!!!

Uf! Que de voltas dá a vida…

Hai uns meses non podía nin imaxinar a que estaba por vir!.  E agora… agora parece que todo cobra un sentido completamente diferente.

Hai algún tempo  tomei algunhas decisións relevantes de cara ó meu futuro. Deixar o meu traballo das mañás para volver estudiar foi unha delas; pero esquecérame de que, ademáis das tomadas por min, moitas veces a vida tamén as toma sen pedir consentimento. E, ás veces, case é mellor así!

Botando a vista cara atrás, hai cousa de pouco máis dun ano nin podía imaxinarme que hoxe estaría neste punto: de novo en parella, estudiando e… ESPERANDO UN BEBÉ!!!… aínda se me abren os ollos coma pratos cada vez que o penso; mellor non facelo, porque se o fixera seguro que non me sucederían nin a metade das cousas que están a ocorrer agora mesmo… e son demasiado fermosas como para evitalas.

Todo son tópicos repetidos unha e mil veces por todo o mundo, pero é certo que nun momento así é cando comezas a valorar o realmente importante, e moitas das tonterías que antes me roubaban gran parte das enerxías pasan a ser precisamente iso: tonterías sen a máis mínima importancia. Cambia a túa visión do mundo e a túa percepción das situacións, e pasas de actuar por ti a actuar pola túa FAMILIA, porque agora entendes máis ca nunca o significado desa palabra que provoca que a antepoñas a todo o demáis.

Non hai nada nin ninguén que poida amargarme esta felicidade, porque incluso os problemas e os conflictos se fan máis pequenos fronte a esta lección de madurez que che dá a vida! Si, síntome por enriba de todas esas cousas, estou nunha nube da que non me dá a gana de baixar e tampouco vou permitir que ninguén queira baixarme dela. Aínda que sone duro, NÓS decidimos con quen queremos compartir esa felicidade, é o noso dereito.

Neste momento de incertidume na casa temos un motivo máis que suficiente para sorrir a diario, e faremos por que siga sendo así por moito tempo…

P. D.: Gracias, amor, por dárme este regalo, porque todo o que pasamos nestes case 8 anos está dando lugar a algo tan marabilloso coma isto. Non existirán nunca palabras coas que describir o que teño aquí dentro fai que sinta por ti.

Advertisements

Mariano, ven que che digo eu de onde recortar…

Ultimamente non paro de ver nas redes sociais como se lle enche a boca á xente dicindo que a culpa desta crise a teñen os bancos e os políticos. Estou dacordo en gran parte con esta afirmación pero, evidentemente e pola parte que me toca, non podo estalo de todo.
Pensando nisto véñenme a mente milleiros de ideas que reflicten a miña indignación ante tan xeneralista afirmación e vou ver se son quen de ordenalas.
Primeiro: a clase política non son soamente os que saen na televisión. Non tódolos aspectos da nosa vida son gobernados dende Madrid. En cada concello deste país hai un alcalde e concelleiros no goberno e na oposición que TRABALLAN PARA TODOS practicamente por amor a arte e malamente cobran as dietas por asistencias a plenos que se realizan unha vez ó mes no mellor dos casos.
Resúltame insultante que, precisamente por iso, alguén se atreva a falar de “fusión de concellos” para eliminar gasto público. Botemos contas e decatémonos de que, a pesar de todo, non son as administracións locais as que nos levaron a esta situación de RESCATE dito con tódalas letras e que, se esta medida se leva a cabo, estamos eliminando interlocutores directos das nosas administracións.
Pero, como todo, os concellos tamén necesitan control. Para mellorar a eficiencia dos gastos locais si son partidaria, por exemplo, de limitar o salario dos alcaldes segundo o número de habitantes de cada concello, controlar as dedicacións exclusivas dos concelleiros do goberno, non sempre ben utilizadas, realizar auditorías independentes anualmente para controlar os gastos desorbitados, que os hai, e que estes datos se fixeran públicos.Non nos esquezamos de que, a pesar de todo, segue a haber moito cazo. Se nas asociacións culturais, fundacións, etc. hai que dar contas ós membros de maneira obligatoria, por que non tamén nos concellos?
Segundo: se queremos recortar gasto, por que non eliminar as deputacións?
En moitos casos as cuestións que estas xestionan son levadas a cabo polas comunidades autónomas ou polos concellos.
Terceiro: temos concellos, deputacións, autonomías, e goberno central. Para que necesitamos o senado?
Cuarto: a que veñen esas pensións desorbitadas logo de deixar os cargos cando aínda son poboación activa e cobran cantidades inxentes por desempeñar cargos na empresa privada. Por que isto é compatible??? Aquí ninguén debería cobrar pensión ningunha ata os 67 anos!!!
Quinto: recortamos soldos de funcionarios, interinos, personal laboral…, e os dos políticos? Porque se volvemos botar contas, as nóminas dos primeiros tampouco nos levaron a esta situación. Eles non acumulan cargos nin cobran de varias administracións á vez?
Despois de todo isto, que non deixa de ser unha reflexión persoal, queda ven claro de onde hai que meter man, non?
Por hoxe chegoume, que canto máis o penso máis me enveleno.
Outro día métome cos bancos e o resto do persoal, prometido!

Despois da tempestade…

… sempre chega a calma. Ou iso parece, alomenos no meu caso.

Logo dunha tempada algo convulsa en moitos aspectos un remata por comprobar que, unha vez máis, os refráns dos avós son verdades absolutas.

Os novos proxectos avanzan, moi a modiño, pero avanzan; non tiña pensado deixarme vencer por esta maldita crise e hai que busca-las fabas como sexa. Os “problemas sen solución” deixan de selo cando lles dá-la importancia que se merecen, é dicir, ningunha ás veces.

E as novas non paran de chegar. Algunhas, na maioría dos casos, boas: alguén cun novo bebé, alguén que casa… etc. Outras non tanto, pero ata esas hai que recibilas e levalas o mellor posible.

Pero mentres este tipo de cousas non dependan de min mesma penso disfrutar o mellor que poida desta calma que me tocou o tempo que me dure, que espero que sexa moito. E se ten que interromperse… non me importa! sempre que sexa por algo bo, claro! 😉

Conflicto (3ª parte)… unha vez máis…

Noites de insomnio… e con esta xa van dúas seguidas…

O estado de nervios e estrés vai aumentando por momentos pero, por que? teño motivos?

Aparentemente non. Por primeira vez en moito tempo (vaites! hai 3 meses que non publico nada neste blog!!!) as circunstancias vánseme estabilizando: o cambio de casa foi positivo, as miñas relacións persoais en case tódolos ámbitos están a mellorar moito, traballo non me falta e teño na casa quen me escoite e me apoie (ademáis d@s amig@s, claro!); as augas, en xeral, voltan ó seu cauce… pero entón? que diantres me pasa pola cabeza para que estes mioliños non paren de dar voltas e non me deixen durmir?

Mala alimentación! Nooooon… se xa recuperei todo o que perdera en meses anteriores! Co que me gusta comer… Cama incómoda? Que va! Se ata cambiei de colchón! agora dá unha preguiza levantarse…

Despois de barallar varias opcións só me queda unha… a miña constante ansia de perfeccionismo? Pode ser pero, que eu saiba, ter espectativas non é malo, ou si? Non! Diso nada! Ser ambicioso na medida xusta está ben, hai que ter metas. Entón? É que me frustra non poder alcanzalas? … tampouco…  penso que sei lidiar coa frustración… nesta vida todo se aprende, ás veces a vase de “piiiii…”.

Tal vez poida ser que se me presente algunha que outra oportunidade de cambio e non a vexa con total claridade… ou iso, ou que ás veces non son o suficientemente valente para aproveitala como é debido. Será que non me gusta decatarme de que non sempre son todo o botada para adiante que me gustaría… quen sabe? (buf! pois se non o sei eu…).

De tódolos xeitos, se é iso o que me provoca o insomnio terei que aprender a ter paciencia que xa estou na idade… (tal vez tanto psicoanalizarme non estea a surtir demasiado efecto… ou si? aiiii… que lío…!!!).

Polo pronto, espero que a cama me reciba ben esta noite…

Conflicto (2ª parte)… e haberá máis?

Barullo, barullo, barullo… e máis barullo. Na miña cabeza poucas voces se apagaron dende a última vez que colguei un post neste blog. Tiña demasiadas cousas nas que pensar e poucas ganas de facelo durante estes últimos dous meses.

Din que todo pasa, e é certo, pero tamén o é que aínda non se me pasou a dor na meixela dereita e xa están a darme unha bofetada na esquerda…

Na maioría dos casos os cambios son para ben. Nesta etapa comezaron sendo realmente duros pero, agora que estaba a afacerme a camiñar soa, doume conta que son procesos polos que todos debemos pasar para aprender e avanzar.

E penso que eu tamén o fixen; avancei. Aínda que algunhas feridas non estean pechadas de todo si que as curo con menos pena. Gañei  en seguridade, recuperei o meu amor propio, e perdín moito lastre. Pero en ningún momento me arrepinto nin renego do vivido nos últimos sete anos. Disfrutei momentos moi doces e experimentei outros bastante máis amargos, pero ata destes últimos saquei unha lectura positiva que foi a que, ó fin e ó cabo, me levou ó punto no que estou e a tomar as determinacións que tomo.

Pero, ó que ía, ós  conflictos e cambios. Un máis nesta etapa de tantos. Xa que no medio deste vórtice véxome na obriga de intentar facer doutro lugar o meu fogar. As circunstancias provocan un novo “empaqueta trebellos e vóltaos desempaquetar”; e con esta xa van tres mudanzas en tres anos. Unha mágoa agora que me sentía realmente cómoda aquí, e tamén porque quizáis, por primeira vez en anos, lle collín apego a unha casa na que comecei coa miña independencia sen ter que responder ante ninguén, na que gañei máis do que perdín.

Pena non teño, pero si unha preguiza terrible! Un novo conflicto interior… porque o exterior está máis que resolto. Non hai opción.

Que se lle vai facer? Así están as cousas…

%d bloggers like this: